sábado, 29 de noviembre de 2014

BORDERLINE 79 "AS RAÍCES DA REVOLTA"

    Borderline 79 é un grupo de rapaces da Illa de Arousa, Vilanova e Vilagarcía, o seu é un estilo propio, que bebe directamente de bandas da orde de System of a Down, Deftones, ou mesmo Tool, pasando por Rammstein.
 


    Nunha escea saturada de bandas sen personalidade, que seguen unha moda, que non tocan o que senten e lles gusta, senon o que gusta á xente neses intres, é de agradecer unha proposta musical que aporta sentimento e forza a partes iguais.
    Sexan vostedes benvidos o mundo de "As raíces da revolta", un mundo que cobra sentido a través de trece pezas musicáis.
 
 

    O disco comeza cun tema que leva por nome Salgueira, que tamen serve de introducción o videoclip do tema Lythrum Salicaria, o que o grupo gravou a modo de presentación deste traballo.
    O segundo corte é Zn30Tv, unha composición que casa moi ben despois de escoitar Salgueira, ten dúas partes ben diferenciadas, unha máis pausada e outra máis forte e potente, que desprende raiba en cada nota. É  como que o tema vai enchéndose de enerxía pouco a pouco, ata estourar nun mar de adrenalina.
    A continuación Sinestesia comeza cun punteo de guitarra e unhas liñas de baixo ben marcadas, e en boa medida "virsuosas", todo elo aderezado por unha voz que segue claros patróns de "nu metal", e coma na anterior canción, chega un estribillo que carga de vida o tema, cobrando especial presenza e importancia os teclados, sobre todo a partires da segunda metade do tema.
    Nunca vai rematar é o que soa a continuación, con claros tintes rockeiros, cargado de emotividade nas letras, especialmente cando escoitamos ese dúo nas voces entre Artur Silveiro e Uxía Ocaña. Por certo vaia so de guitarra se escoita, poucos grupos conseguen unha liña de continuidade tan boa e natural entre a música e os intres de lucimento das guitarras, o de esta canción é dos que che fan recordar vellas andainas e sensibilizan cada nervo do teu corpo, calidade na súa expresión máxima.
    Voltamos ás influenzas máis "nu metaleiras" no tema La tumbona, xa marcadas dende o comezo con ese sampler disparado. Recórdame en certos intres ós desaparecidos Dismal de Pontevedra, se cadra por ese groove que transmite. Unha boa canción sen dúbida, pero que non é a que máis me agrada do disco, ou iso pensaba eu escoitando a primeira metade da mesma, iluso de min, de súpeto o tema cambia radicalmente de cor cunha parte máis acústica, para voltarse outra vez enérxico e cheo de vida, coas guitarras coma non, lucíndose cuns sos impresionantes, que calidade desprenden estes mozos.
    Sapere aude é un desos cortes que destila metal de comezo a fin, con fragmentos tan característicos do grupo ao máis puro estilo Tool, ou mesmo aqueles Deftones do "Adrenaline".
    E chega o momento de rendir homenaxe a nosa terra e a nosa historia, a nosa identidade, o noso ser, os nosos antergos, da mano do poema de Celso Emilio Ferreiro, creo que por primeira vez "metalizado".
    Tempo outra vez de comprobar a potencia e o bon facer dos teclados de Jose González, estamos a falar de Ser-Estar-Parecer, teclados que crean unha atmosfera moi preto dos sonidos de Rammstein.
    Vermes, nos seus primeiros compases, semella que imos escoitar un dos cortes máis rápidos do disco, pero de seguido atopámonos cun riff con esa sonoridade "sureña" tan típica dos Pantera. Canción por intres, na miña opinión, moi de Phil Anselmo e os seus secuaces.
    E chegamos ás catro últimas pezas do disco:
    Periferia, comeza cargado de acordes cheos de sentimento e paixón, ese ritmo a medio tempo tan propio da batería a cargo de Antón Blanco, e eses punteos de guitarra que con máis velocidade poderían soar a grupos onda "Maiden", ou calquera grupo da nova hornada de metalcore melódico, a pesares do que moita xente poda pensar, calquera variante de metal, bebe en parte dos grupos clásicos. O estribillo ten aire rockeiro, manténdose esas liñas de guitarra por momentos, e os teclados como cortiña perfecta á hora de aderezar o tema. Sorprende a variedade de estructuras que nos mostran nesta canción.
    O seginte corte está cargado de mensaxe nas suas letras, Xa non hai vellos, cunha estructura a medio tempo transmitindo un groove tremendo. Non é o tema que máis me chame a atención do disco, se cadra por que o principio do estribillo non me remata de encaixar, sobre todo nas dúas primeiras liñas,pero sen dúbida é un tema moi traballado e emotivo.
    E chega a traca final, Brutal Blues, curioso nome o desta canción, pero e sen dúbida, de todo o cd, o tema que mellor conecta coa mensaxe do disco, "Ás raíces da revolta", canta xente se deixa levar, xente que cesa na sua loita, na súa pelexa. Aquí está o punto entre os que se van e os que surxen das cinzas cal ave fénix, e está claro que Borderline 79 con este disco, e concretamente con este tema, abren unha nova liña de traballo cara un futuro mellor para a música e a propia banda. E que mellor maneira de demostralo que con o último corte do Lp, Lythrum Salicaria, tema potentísimo cheo de raiba, paixón e forza, onde creo que o grupo conseguiu o equilibrio perfecto entre todos os instrumentos, todo soa empastado, e cada un colle a súa importancia no momento en que o tema o demanda.
    É  a canción na que se xuntan todas esas influenzas que nutriron o grupo o longo dos anos, e representa o son co que Borderline 79 está agusto, e o son que queren potenciar e traballar dende agora.

    Un disco que vaga a pena non so escoitar, senon mercar, pra axudar a uns rapaces cargados de boas ideas, a que podan seguir forxándoas en forma de cancións.

    Borderline 79 esta formado por:
    Artur Silveiro- voz e guitarra.
    Joel Oubinha- guitarra.
    Borja Luzier- baixo e coros.
    Jose Gonzalez- teclado e coros.
    Anton Blanco- bateria e coros.

    Aqui deixamos un enlace pra que poidades escoitar algun dos temas do disco e sacar conclusións por vos mesmos.

    Soundcloud Borderline 79
 

No hay comentarios :

Publicar un comentario